Eduardo Alfonso Ortiz Preciado


Eduardo Alfonso Ortiz Preciado

Lista

Eu ❤ Futuro Para Galicia – Equipo Carolina Bescansa

Biografía

Teño 31 anos. Nacín en Caracas, Venezuela. Son neto dunha galega, dun rioxano, e dunha familia de orixes italianas. Vivín a miña infancia en Chacao, un barrio onde vivían varias xeracións de emigrantes de moitas nacionalidades. Levo a mestizaxe, a multiculturalidade e a integración marcadas no meu sangue. Dende neno entendín, que aprender do distinto faime medrar como persoa.

Son psicólogo licenciado pola USC. Estou habilitado para a práctica sanitaria e exérzoa a nivel privado.

Estudo canto tradicional galego na E-Trad de Vigo dende o 2013, e formei parte do Grupo de Música e Baile tradicional "O Fiadeiro" que realiza unha importante labor de preservación e divulgación da cultura tradicional galega. Estudo canto clásico e formei parte do Coro de Cámara “Gli Apasionatti” dirixido por Nuria Lorenzo.

Traballo na Fundación Internacional de Dereitos Humanos, como Delegado territorial para Galicia, Patrono da mesma ata abril do 2018 e actualmente pertenzo ao Consello Consultivo. Militante activo de Podemos e portavoz do Círculo de Podemos Vigo. Fun Responsable da Área de LGTBI+ e da Área de Dereitos Civís, Xustiza e Liberdades de Podemos Galicia. Creo firmemente na loita polos dereitos humanos. So baixo a súa luz existe civilización.

https://www.facebook.com/musiueduardo/

https://twitter.com/MusiuEduardo


Motivación

Farto de queixarme e de ver como nos rouban e negan os dereitos, decidín activarme e loitar. Estou convencido de que o proxecto de Podemos é o único que o está a facer posible. Quero dar un paso adiante e contribuír a ese cambio.

Loito por unha Galicia moderna que non esquece o seu pasado. Loito contra todos os tipos de violencias machistas, que están a invadir as relacións humanas. Loito contra todo tipo de dominación económica e social. Loito por unha igualdade real e efectiva entre persoas. Loito por despatriarcalizar a nosa sociedade, e establecer a interseccionalidade como arma coa que facelo. Loito porque todas poidamos ter a liberdade de determinar o noso xénero sentido e que ninguén determine o que cada unha é en si mesma.

Loito porque se establezan os medios para que todas academos uns niveis altos de calidade de vida e dignidade. Vexo o vivir a cultura tradicional coma un medio e forma de conectar con outros pobos. Loito porque se restableza a nosa memoria histórica como nación.

Loito porque a diversidade sexa un valor fundamental da nosa sociedade. Unha sociedade na que todas importemos, iguais e distintas. Loito porque as relacións humanas sexan máis horizontais e máis circulares. Loito pola liberdade, pola igualdade e pola sororidade.