Borja San Ramón Tizon


Borja San Ramón Tizon

Lista

Máis Podemos

Biografía

Son orixinario de Ferrol, teño estudos na Universidade da Coruña, no dobre grao de Administración e Dirección de Empresas e Dereito. Como moitos outros estudantes galegos compaxinei os meus estudos con diferentes traballos, típicos desta sociedade do precariado. Considérome unha persoa seria e traballadora que sempre, en todas as facetas da vida, tenta dar o mellor de si mesma.

Comecei con isto de PODEMOS hai xa 2 anos, colaborando activamente na dura pero exitosa campaña para as pasadas Eleccións Europeas. Logo pasei a formar parte do primeiro Consello Cidadán Galego e fixenme cargo da Secretaría de Organización traballando para consolidar e artellar a Podemos Galicia e estiven colaborando activamente coa Secretaría de Organización Estatal. Estiven traballando nos equipos de campaña de Catalunya Si Que Es Pot para as eleccións catalanas e de En Marea para as xerais e as galegas.

Agora preséntome xunto con outros compañeiros e compañeiras cun modelo organizativo e político que quere consolidar o espírito e os valores de Podemos a Galicia, e no que creo firmemente. Atopámonos ante unha xanela de oportunidade histórica e son necesarias persoas responsables e proxectos valentes, cos que defender o que é de todas e todos ante o espolio duns poucos.


Motivación

Preséntome como candidato a este proxecto porque entendo que outra sociedade é posible e que o momento de loitar por ela é agora. Desde esta perspectiva non podo por menos que tentar achegar todo o traballo posible para tentar achegarnos a uns obxectivos que hai certo tempo, antes do 15M e antes de PODEMOS, parecían impensables. Hoxe, con todo, a percepción de todos tornou en distinta, pois, como dicimos habitualmente, o sorriso cambiou xa de bando.

Crendo neste paradigma, entendo que é necesario dar un paso adiante e traballar, desde a humildade e desde o esforzo diario, por e para o cambio. Estou orgulloso de traballar xunto coas miñas compañeiras e compañeiros, un magnífico equipo que coñezo despois de anos de traballo conxunto disposto a aplicarse con ilusión e afán. Non desexo ser un máis dos universitarios que deben marcharse ao estranxeiro para ter unha vida ou para forxarse unha carreira. Quero que esta terra galega que me viu nacer sexa o que todos soñamos.